O concello reclama a construción da circunvalación de Ponteareas

Salvador González Solla, alcalde de Ponteareas, presentou unha moción para que o Pleno Municipal adopte o acordo de reclamar ao Ministerio de Fomento a urxente realización dos  traballos das dilixencias previas medioambientais, así como o estudio informativo da estrada de Circunvalación, tal e como está previsto nos Orzamentos Xerais do Estado 2009.

O alcalde do PP, presentou para o seu debate no Pleno da Corporación Municipal, unha MOCIÓN a prol da construción do novo enlace para Ponteareas, entre a estrada N-120 e a autovía A-52, por considerar que a circunvalación estase a converter co paso do tempo nunha “imperiosa necesidade para o desenvolvemento do municipio”.
Unha infraestructura  imprescindible para facilitar o acceso ao casco urbano da vila, reclamada desde hai anos ao Ministerio de Fomento e ata o de agora sen executar, a pesares de ter sido “prometida” en reiteradas ocasións e que leva en dique seco máis dunha ducia de anos, tras non se contemplar no trazado inicial da A-52, que entrou en servizo en 1995; segundo explica o alcalde.

González Solla pedirá ao Pleno que reclame ao Ministerio de Fomento a urxente realización das dilixencias previas medioambientais e máis o estudo informativo da estrada de circunvalación, tal e como está previsto nos Orzamentos Xerais do Estado 2009 e instar ao Goberno do Estado a incluír nos Presupostos do 2010, as partidas económicas para levar adiante a construcción da devandita estrada.

Nos razoamentos da moción presentada, o alcalde ponteareán lembra que “no mes de febreiro do 2008, durante a campaña electoral das eleccións xerais, o deputado socialista Antón Louro, acompañado polo voceiro municipal do PSOE, Francisco Candeira, presentaron aos medios de comunicación uns papeis cun suposto deseño da circunvalación que tiñan previsto construir. Tanto Louro como a senadora Carmela Silva, comprometéronse publicamente a levar adiante as iniciativas necesarias para a execución da infraestructura, a pesares de que non fixeron nada nos catro anos previos que estiveron gobernando en Madrid”.

Posteriormente, hai agora un ano, en outubro do 2008, explican os populares que “por mor da tramitación dos Orzamentos Xerais do Estado do 2009, foi o Grupo Parlamentario do PP no Congreso dos Deputados, o que presentou unha emenda para a construción da Circunvalación, que foi rexeitada, entre outros grupos políticos, polo PSOE e o BNG”.
Días despois, engade González Solla, “foi a propia oficina parlamentaria de Antón Louro, a que informou nos medios de comunicación, que o propio deputado socialista fora quen de conseguir a aprobación á emenda do seu grupo pola que o Ministerio de Fomento, consignaría 200.000 euros para os traballos previos da futura circunvalación”.

Por último explican o rexedor ponteareán que “xa que o ano 2009 está a piques de esgotarse e tras solicitar en repetidas ocasións desde o Concello á Demarcación de Estradas en Galicia información sobre as actuacións previstas nos orzamentos do ano en curso, a resposta dada ao goberno local foi sempre a mesma que non teñen coñecemento de nada. Unha circunstancia que para o PP, “deixou sen credibilidade algunha ante Ponteareas ao ex deputado socialista, Antón Louro, hoxe Delegado do Goberno en Galicia”.

PUBLICIDADE

Os Comentarios estan Pechados.

Leer en PDF
  • A Peneira do Condado-Paradanta
Publicidade
.