Os traballadores de Adegas Galegas, en Salvaterra, continúan coas mobilizacións
O persoal de Adegas Galegas leva xa duas semanas de folga pola “difícil situación da empresa que ameaza a súa propia continuidade” segundo explica Tano Guerra do sindicato CiG.
Nos derradeiros meses, o persoal de Adegas Galegas (marcas como D: Pedro de Soutomaior e Veigadares, de recoñecido prestixio) xa desenvolveu 3 periodos de folga, “perante a pasividade do accionista maioritario –Bernardo Posada-, empeñado en obviar os graves problemas cos que se enfronta a empresa, graves problemas derivados en grande parte pola impresentable xestión da Dirección, co seu fillo como Xerente”.
Segundo explica a CIG conseguíuse que o xerente fora destituído (hai uns 3 meses), mais a viabilidade da empresa depende da entrada de capital (novos accionistas), “o que é posible sempre que Bernardo Posada (Presidente de Pilotes Posada, Presidencia de Sogarpo, Patrocinador do Pilotes Posada, etc…) aceda a tal situación”.
Continúan explican do que “o caso é que este individuo, que ten a Adegas Galegas á porta do peche, pretende arranxar a súa situación patrimonial e económica antes de permitir que os interesados en investir poidan face-lo, como aquel can que nen comía nen deixaba comer, e como pano de fondo a posible desaparición de 20 postos de traballo e unha adega que produce un dos máis afamados brancos da d.o. Rias Baixas., o que con certeza importa ben pouco a Bernardo Posada”.
O persoal ten realizado varias mobilizacións de denuncia pública sobre a súa situación naqueles lugares e empresas nos que Bernardo Posada ten “intereses”, económicos e/ou sociais, mobilizacións que van continuar ao longo desta semana, “até conseguir que o individuo que impede a continuidade de Adegas Galegas saia de diante e novo capital veña a dar vida a unha das adegas máis emblemáticas da d.o. Rias Baixas, na subzona do Condado”.
