O BNG de Ponteareas denuncia que o PP aprobou no Pleno a suba da contribución(IBI) en máis do 50%

O BNG de Ponteareas, a través do concelleiro Bolívar González, criticou o “doble discurso e o cinismo do PP”.
“O Partido Popular está todos os días falando, en Santiago e en Madrid, de austeridade e de conxelación de impostos, pero ao mesmo tempo, en Ponteareas, o goberno municipal do PP ven de aprobar en Pleno o incremento da contribución(IBI) en máis do 50%  para o ano 2010″.

O BNG tamén recordou as recentes declaracións do alcalde Salvador G. Solla sobre os impostos, na liña dos líderes do seu partido, “nestes momentos de crise non son os máis idóneos para gravar ás familias de Ponteareas con novas taxas ou incrementos das mesmas”.

Os nacionalistas, que se opuxeron no Pleno a este incremento, critican que o goberno municipal renunciara a aplicar cuotas reducidas, como é habitual cando se actualizan os valores catastrais que nestes momentos se están revisando en Ponteareas. “O PP aprobou trasladar o coste da sua nefasta xestión económica no Concello aos bolsillos de todos os veciños no vindeiro ano 2010, posiblemente no pior momento da actual crise”, declarou Bolívar González

Segundo os nacionalistas o goberno municipal do PP recoñeceu no Pleno “a existencia de máis de 15.000 unidades catastrais; vivendas, solares, construcións e instalacións de todo tipo que non estiveron pagando a contribución (IBI) durante anos, por non figurar no padrón municipal, un exemplo máis da incapacidade do PP para xestionar Ponteareas”, manifestou Bolívar González, que denunciou a discriminación do goberno municipal do PP por non tratar a todos os veciños por igual.

O BNG critica a falla de información sobre o que vai a supoñer este incremento do IBI para todos os veciños de Ponteareas e a decisión do PP de levar a cabo esta suba sin contar cos colectivos sociais. Os nacionalistas creen que nun momento de crise económica coma o actual, non é momento de crear máis problemas nin maior crispación social.

PUBLICIDADE

Os Comentarios estan Pechados.