A nova campá da igrexa parroquial das Neves chega envolta en festa

O vindeiro día 4 de decembro, coincidindo coa festividade de Santa Bárbara, o pobo das Neves inaugurará a nova campá que colgará no máis alto da igrexa parroquial e que substituirá á actual, a piques de racharse e que a partir dese mesmo día descansará uns metros máis abaixo pero exclusivamente para ser admirada. Non soportará máis golpes de badalo.
O venres 4 de decembro de 2009 pasará á historia das Neves e dificilmente volveráse a vivir unha situación igual, polo menos nos próximos decenios, xa que non é en absoluto habitual nos tempos actuais construír e instalar unha campá, e menos aínda construída como hai séculos.
Para que a xornada sexa gozada por todo o que queira achegarse ás Neves ese día, a “Agrupacion de veciños Campá das Neves” organizou un día festivo con sabor a romaría antiga, coa actuación de diferentes agrupacións musicais, e por suposto a posibilidade de degustar unha boa carne ou chourizos regado cos viños de Rubiós, para rematar co tradicional magosto.
Preténdese tamén traer a diferentes mestres na arte de tocar as campás que ofrecerán as primeiras notas para todo o pobo. Os visitantes tamén poderán facelo, asi como fotografarse con ela desde primeiras horas da mañá.
Este cambio foi posible grazas á colaboración de todo o pobo das Neves que mediante peditorio popular sufragou os gastos da nova campá a iniciativa da Agrupacion de veciños Campá das Neves, constituída para este fin.
A nova campá foi obra dos mestres artesáns “Irmáns Ocampo” de Arcos da Condesa en Caldas de Reis, quen desde 1630 seguen o mesmo proceso de construción que seguían os seus antepasados, sen ningún tipo de axuda moderna. De feito as campás actuais teñen a mesma firma dos Hnos. Ocampo aínda que evidentemente foron obra dos seus antecesores. Visitar as instalacións destes artesáns é como realizar unha viaxe no tempo á idade media penetrándonos nun mundo que criamos desaparecido. As campás constrúense aquí como hai séculos e non hai duas iguais xa que cada unha ten o seu propio molde. O proceso comeza cun primeiro molde de madeira, cos relevos en cera do que sairá outro de arxila e ladrillo que será o que albergue o bronce, que por certo obteñen do seu propio forno os Ocampo. Finalmente para o seu arrefriado todo o conxunto entérrase en ocos practicados nas propias instalacións e recúbrese con terra. Semanas despois, a campá estará lista, previo o seu desenterro, claro.
Os actos programados para o 4 de decembro son os seguintes, aínda que hai que indicar que antes, o domingo 29 de novembro procedeuse á bendición da nova campá que estará colocada no exterior da igrexa para que poida ser vista e fotografada polos veciños. Xa o día 4 os actos darán comezo ás 10 da mañá:
10,00 h Reparación do Xugo das campás máis pequenas e preparación para a instalación da campá maior.
14,30 h. Inicio da colocación do a campá maior que estará finalizado ás 18,00 h.
16,00 h. Visita á Cruz de Sta. Barbara e actuación do grupo de baile e gaiteiros.
18,30 h. Misa
19,15 h. Magosto na Praza Maior con viño de Rubiós e amenizado por unha charanga da localidade.
Durante toda a xornada posibilidade de degustar chourizos da zona e carnes á brasa.
