A conexión do novo vial da PLISAN non contempla a construción dun enlace completo coa “A-52” en Puzo
O BNG comarcal advirte que o proxecto da obra da autovía de enlace entre a Autovía Rías Baixas (A52) e a Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves, do que a Consellería de medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, ven de publicitar a adxudicación da execución das obras a unha Unión Temporal de Empresas (UTE), non prevé o enlace completo coa autovía A-52 xa que non contempla nin a entrada á A-52 en dirección Ourense-Madrid, nin a saída dos vehículos procedentes destas orixes con destino á PLISAN. Na imaxe do plano do proxecto coa que a propia Xunta ilustra o proxecto (xuntase a esta nota) pódese comprobar que no novo vial que se prevé executar, non contempla a modificación da conexión actual da A52 en “Puzo” coa estrada PO-9006 (Ponteareas – As Neves), enlace que como todos sabemos é un enlace parcial.
Para o BNG resulta lamentable que a Xunta prevea a execución dunha obra desta transcendecia sen asegurar a funcionalidade completa da infraestrutura. “Parece inconcebible que non se prevea darlle servizo ao tráfico de mercadurías que cheguen ou saian cara a meseta, xa que si se plantexa a PLISAN como unha extensión do Porto de Vigo, a saída cara a meseta e fundamental para o seu funcionamento”.
O BNG anuncia iniciativas parlamentarias para que tanto a Xunta como o Goberno do Estado se comprometan á execución completa desta conexíon transcendental para a plena funcionalidade do novo vial e para o servizo racional dos usuarios da comarca. Doutro modo esta obra acabará sendo outra chapuza, como o foron no seu dia a maioría dos enlaces construidos ao paso da A-52 pola nosa comarca.
