A Xunta de Goberno aproba as obras a incluír dentro do Plan Provincial de Cooperación 2010
A Xunta de Goberno do Concello de Ponteareas vén de aprobar as obras que se executarán ao abeiro do Plan Provincial de Cooperación (PPC) 2010 da Deputación Provincial de Pontevedra. As obras a realizar supoñen un investimento de máis de 128.340,73 € dos que a Deputación Provincial de Pontevedra achegará o 70% (89.835,11 €) e o Concello de Ponteareas o 30% (38.502,22 €).
As obras a realizar serán as de mellora e reposición dos abastecementos de auga existentes nos núcleo de San Lourenzo de Oliveira, Santiago de Oliveira, Cumiar, Angoares e Prado, que contarán para a súa execución cun orzamento de preto dos 100.000 euros. Para a súa realización será precisa a instalación de máis de 2.000 metros lineais de canalizacións de polietileno con diámetros variables; reposición dos servizos existentes e reparación dos depósitos de auga. Ditas obras, segundo o alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, non fan máis que “reafirmar a intención do Goberno Local de equiparar as dotacións infraestruturáis de todas as parroquias para que, veciños e veciñas, conten do mesmo nivel de servizos independentemente do lugar onde residan”.
Por outra banda, a Xunta de Goberno inclúe no PPC do 2010, unha partida orzamentaria de 30.000 euros para melloras das instalacións do Servizo Contra Incendios, de cara a potenciar dito servizo xa que supón, segundo o alcalde de Ponteareas, “mellorar a seguridade de veciños e veciñas, que debe ser, como é no noso caso, a máxima prioridade de todo Goberno Local”.
