O PSOE denuncia que o alcalde de Ponteareas ‘descoñece cantos establecementos teñen licencia de apertura’

O alcalde de Ponteareas, Salvador Gonzalez Solla (PP) negouse a comparecer no último Pleno  ordinario para contestar ás cuestións presentadas polo portavoz socialista  Francisco Candeira, sobre as licencias de apertura dos establecementos de Ponteareas, alegando descoñecer eses datos, segundo explica Francisco Candeira.

Candeira considera “lamentable” que  non exista nas dependencias municipais ningunha listaxe informatizada de empresas con licencias definitivas, provisionais ou simplemente que desenvolven a súa actividade sen licencia  de apertura. “Ó descoñecer estes datos esenciais na  recadación económica, o concello comete un agravio comparativo entre os que pagan as súas licencias de apertura e os que non o fan, e ademais dana os intereses económicos do propio concello ó reducir  a recadación”.

O portavoz do PSdeG-PSOE denuncia que estas irregularidades nas licencias “son responsabilidade exclusiva do goberno municipal e, en ningún caso se pode responsabilizar ós titulares dos establecementos”. E asegurou que “cando desde a alcaldía se actúa con normas claras e inequívocas, os cidadáns enténdeno e cumpren  ben coas súas obrigas.”

Continua explicando que “ante a desastrosa xestión económica  municipal, as preguntas presentadas por Candeira pretendían sobre todo comprobar  o grao de coñecemento do propio goberno municipal  sobre os establecementos que en Ponteareas deben tributar por este concepto. Porque a pasividade do concello e o descontrol económico envían ós cidadáns unha mensaxe equívoca que os incita a ignorar a normativa que o propio concello parece descoñecer”.

Engade o PSOE que “en moitas ocasións a causa de non dispor de licencia de apertura débese a que os establecementos se asentan en baixos  de edificios que non poden obter licencia de primeira ocupación por diversas irregularidades na súa construción.  A enorme permisividade dos gobernos do PP en Ponteareas neste sentido, e a súa resistencia a integrarse  na Axencia de Protección das Legalidade Urbanística, ocasionan situacións que merman os ingresos das arcas municipais”.

Para Candeira esta situación perxudica ós cidadáns de Ponteareas porque “a deficiencia recadatoria  dificulta que o concello conte cos recursos necesarios para investimentos básicos como sucedeu coa adquisición de terreos para a ETAP que pese a costar soamente 30.000 €, o concello tardou máis de 2 anos en poder adquirilos e aínda hoxe non está construida co conseguinte risco para a saúde pública”.

PUBLICIDADE

Os Comentarios estan Pechados.