A movida viguesa: que quedou daquelo?” centra a actividade da Casa da Triga coa presenza de Antón Reixa

A Asociación Cultural A Casa da Triga centrará a súa actividade do mes de marzo na movida viguesa dos anos 80. Baixo o título “A movida viguesa: que quedou daquelo?” a asociación cultural desenvolverá unha exposición de portadas orixinais de discos de vinilo que se inaugura hoxe venres no local social A Casa da Triga e que estará exposta até o 3 de abril. As portadas, unhas trinta, abranguen grupos como Siniestro Total, Os Resentidos, Aerolineas Federales, Golpes Bajos, Germán Coppini, Semen Up ou Cómplices, que marcaron o panorama musical galego e no estado nos anos 80.

O venres 26 de marzo celebraranse as actividades principais. Será no Pub JJ onde se proxectará un documental dirixido por Antón Reixa. O que foi líder do grupo Os Resentidos participará nun coloquio ao remate da proxección, que dará logo paso a actuacións de grupos musicais ponteareáns que versionarán temas da movida viguesa. O programa completo darase a coñecer en vindeiros días.

O resto da axenda de actividades da Casa da Triga para o mes de marzo complétase este domingo 7 coa súa participación no Día da Árbore, organizado pola Comunidade Montes de Arcos, e o domingo 21 coa organización dun roteiro de sendeirismo, o PR-120 coñecido como Rota dos Penedos da Picaraña. A asociación cultural continua ademais cos cursos de pandeireta, percusión e acordeón.

Por último, A Casa da Triga puxo en marcha un servizo de axenda cultural electrónica mensual para os seus socios/as na que se dá conta das principais actividades culturais en Galicia e no norte de Portugal

PUBLICIDADE

Os Comentarios estan Pechados.