O centro Asprodico contará cun centro de día para persoas con minusvalías físicas ou psíquicas
A concelleira delegada de Asprodico, Raquel Bautista Álvarez, e o primeiro tenente de alcalde e concelleiro delegado de Servizos Sociais, Juan Carlos González Carrera, visitaron onte as obras realizadas na planta baixa do Centro ASPRODICO, de cara a súa conversión nun Centro de Día para persoas con minusvalías físicas ou psíquicas cunha superficie aproximada de 500 metros cadrados.
Nese sentido, a concelleira afirmou “ter comezados os trámites para a posterior sinatura dun convenio de colaboración cunha asociación que teña experiencia contrastada na xestión deste tipo de centros”.
Raquel Bautista aclaraba que o futuro Centro de Día para persoas con minusvalías físicas ou psíquicas, dará resposta ás necesidades que, deste tipo de instalacións, “teñen moitas familias non so de Ponteareas senón tamén da Comarca”. Non se pode esquecer, sinalaba a responsable de Asprodico, “que Ponteareas sempre foi pioneira en materia de prestación de Servizos Sociais e en facer extensivo ese servizo aos concellos limítrofes”.
No referente á obra realizada, a concelleira Raquel Bautista Alfaya, salientaba que con ela se daban por rematados “os traballos realizados en Asprodico e que supuxeron, en dúas fases, un investimento superior aos 130.000 euros”.
Este investimento realizado polo concello de Ponteareas, explicou finalmente Raquel Bautista, “redunda en beneficio de todos os usuarios e usuarias de Asprodico, non só daquelas persoas que padecen minusvalía física e psíquica, senón tamén de todas aquelas outras que participan nos distintos obradoiros que aquí se desenvolven”.
