A OMIX de Ponteareas organiza para os meses de abril e maio o segundo Obradoiro de Pilates
A Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ponteareas, dependente da Concellería de Xuventude que dirixe Andrés Sampedro Fernández, ven de anunciar o inicio dun novo Obradoiro de Pilates que desenvolverá as súas actividades, na Sala de Usos Múltiples da Biblioteca Pública Municipal, durante todos os xoves dos meses de abril e maio.
A convocatoria deste Segundo Obradoiro de Pilates, ven dada polo éxito da primeira edición desenvolvida no pasado mes de marzo e na que, moitas veciñas e veciños de Ponteareas, non puideron participar por exceso de cota e facían necesaria a realización desta segunda edición.
O Segundo Obradoiro de Pilates, que correrá a cargo de Charo Reina, desenvolverá as súas actividades na Sala de Usos Múltiples da Biblioteca Pública Municipal da rúa Perillana todos os xoves dos meses de abril e maio, isto é os días , 15, 22 e 29 de abril e 6, 13, 20 e 27 de maio en horario de 19:30 horas a 21:00 horas.
O Pilates, de práctica cada día máis estendida e apto para todas as idades, é un sistema de exercicios que permiten desenvolver, de xeito equilibrado, a forza e a flexibilidade. Os movementos de Pilates están pensador para exercitar todos os músculos seguindo os principios de concentración, fluidez, control, precisión e respiración. Estes obxectivos conséguense a través de movementos lentos, suaves e fluídos, con poucas repeticións pero controladas con grande precisión. Nos exercicios a respiración tamén é fundamental.
O Obradoiro de Pilates é totalmente gratuíto como habitualmente acontece coas iniciativas que se desenvolven dende a OMIX de Ponteareas e os interesados e interesadas poden formalizar a súa inscrición ou mesmo solicitar máis información sobre esta actividade no teléfono 986 66 07 65 ou no enderezo de correo electrónico omixponteareas@terra.es
