O PSOE de Ponteareas ofrece colaboración institucional nas tarefas protocolarias do congreso de alfombristas
Francisco Candeira Mosquera, como portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, dirixiuse ó alcalde de Ponteareas en relación coa celebración do Congreso Internacional de Arte Efímera para amosarlle o seu apoio na organización desta festa de Interese Turístico Internacional.
O texto do escrito dí literalmente:
“O Corpus Christi é a festa grande do noso concello e tódolos ponteareáns, independentemente das nosas ideas, sentímola como propia e este sentimento transmitímolo de xeración en xeración.
O pasado ano 2009 o Goberno de España, presidido por José Luís Rodríguez Zapatero, concedeu ó noso Corpus Christi o rango de Festa de Interese Turístico Internacional e iso facilitou, sen dúbida, a celebración en Ponteareas, a semana previa á elaboración das alfombras florais, do Congreso Internacional de Arte Efémera.
Quere isto dicir que durante toda esa semana, incluído o sábado e o domingo, o concello deberá afrontar a organización e desenvolvemento de moitos eventos de carácter protocolario para atender non só ás autoridades expresamente invitadas senón a tódalas delegacións dos diferentes países participantes no congreso.
Por iso, o Grupo Socialista, no afán de engrandecer a nosa festa maior e de que Ponteareas logre o mellor éxito nestes eventos, ofrece a súa colaboración institucional nas tarefas de atención ós delegados e demais invitados á festa do Corpus.
Parécenos moi importante, para renome de Ponteareas no eido nacional e internacional, a contribución de todos nesta empresa emblemática no noso pobo”
