Ponteareas e La Orotava (Tenerife) confeccionarán, de xeito conxunto, unha alfombra floral na Praza do Obradoiro
Representantes de rúas alfombreiras de Ponteareas e da vila tinerfeña de La Orotava, confeccionarán na noite do sábado 22 ao domingo 23 de maio, unha alfombra floral conxunta, na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, respondendo á invitación formulada pola Sociedade de Xestión do Xacobeo 2010. Dese xeito dúas vilas irmandadas dende hai máis de 25 anos e, sen dúbida algunha, as de máis sona do Estado en canto á confección de alfombras florais, amosarán a súa arte na capital galega.
A confección desta alfombra floral, cunha superficie de 160 metros cadrados, servirá como acto promocional da Festa do Corpus Christi de Ponteareas que, neste ano 2010 fai gala da súa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.
Coincidindo coa semana do Corpus Christi, Ponteareas converterase amais no cerne das cidades alfombristas de todo o mundo, xa que entre os días 2 e 4 de xuño, acollerá o III Congreso Internacional de Arte Efémera, no que se dan cita a meirande parte das cidades do mundo que teñen nas alfombras florais, a súa expresión artística e cultural máis importante.
A este Congreso de carácter bianual, -que comezaba a súa andaina en La Orotava no ano 2006 e continuaba no 2008 na localidade mexicana de Huamantla- teñen xa confirmada a súa presenza un total de 6 concellos españois -Carrión de los Condes (Palencia), Arucas (Gran Canaria), La Orotava (Tenerife), Castropol (Asturias) Tamarite de Litera (Huesca), o lugués de Foz e Caldes de Montbui-Federació Catalana Catifaires (Barcelona).
As delegacións estranxeiras que participarán neste Congreso de Arte Efémera serán un total de 11: Arequipa (Perú), Bolsena (Italia) ao que acompañarán membros da Asociación “Infiorata Bolsena”; Genzano di Roma (Italia); Huamantla (México); Tibet (China); Mülembach (Alemania); Monçao (Portugal); Antigua Guatemala (Guatemala); Bruxelas (Bélxica); Kobe (Xapón) e Noto-Sicacusa, Comune di Noto (Sicilia-Italia).
O alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, explicou que para a realización deste Congreso Internacional de Arte Efémera, o Concello ponteareá e maila Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, asinaron un convenio de colaboración xa que, sen a axuda a Administración Autonómica, engadía o rexedor ponteareá, “sería case que impensable poder afrontar un evento destas características que reviste unha enorme complexidade organizativa”.
