Arde a fábrica de Pinturas Proa no Polígono de A Granxa do Porriño

pinturasproa2

:: Catro traballadores foron atendidos por inhalación de fume ::

:: Raúl Francés: “Demostrouse que ante a posibilidade de que acontezan incidencias graves, os dispositivos de emerxencias están perfectamente preparados para actuar” ::

Arredor das 09:45h. comezou un aparatoso incendio na fábrica Pinturas Proa emprazada no Polígono de A Granxa do Porriño. Todo apunta a que a causa do lume foi a manipulación dun bidón de pintura nun dos almacéns da factoría. Algúns dos traballadores das empresas colindantes aseguran ter escoitado unha explosión antes de comprobar como unha grande columna de fume saía da fábrica de pinturas.

Logo de que os traballadores tentaran sofocar o lume con extintores e comprobaran a rapidez coa que se espallaba, procedeuse a evacuar as instalacións da empresa así como a das fábricas que están nun radio de 500 metros de Pinturas Proa. Afortunadamente non hai que lamentar danos persoais, tan só catro traballadores foron atendidos por inhalación de fume e algunha crise de ansiedade. Por outra banda, os responsables da empresa aseguran que os danos materiais son cuantiosos, aínda que non queren facer valoracións ata esta mesma tarde.

O incendio está xa practicamente controlado. Ata o lugar do suceso achegáronse efectivos de Vigo, Valença, Mos, A Guarda e O Porriño. Tamén achegáronse ata alí responsables de medio ambiente da administración autonómica. Aínda que recoñeceron que os incendios neste tipo de empresas producen fumes altamente tóxicos, descartaron calquera tipo de risco xa que, ao ser a columna de fume tan vertical, en ningún momento córrese o perigo de que se achegue aos núcleos poboacionais da zona.

Declaracións dende o Concello

Raúl Francés indicou que “O sinistro foi de certa gravidade, mais o dispositivo de extinción funcionou con celeridade, profesionalidade e coordenación, polo que o lume está totalmente controlado”.

Francés quixo agradecer o labor realizado tanto polas forzas de seguridade do estado, como polas distintas unidades de bombeiros e equipos de Obras e do Grumir do Concello implicados no dispositivo. “Funcionou todo estupendamente. Demostrouse que ante a posibilidade de que acontezan incidencias graves, os dispositivos de emerxencias están perfectamente preparados para actuar”.

Respecto á nube de fume orixinada polo incendio, o alcalde porriñés declarou que “Dada a toxicidade dos materiais empregados na fabricación de produtos de pintura, estableceuse un perímetro de seguridade, e o persoal técnico dos servizos de Medio Ambiente da Xunta controlou desde o primeiro momento a actuación, polo que a seguridade da poboación estivo sempre garantida”.

 

pinturasproa

PUBLICIDADE

Os Comentarios estan Pechados.