Manuel Carrera fai un “balance positivo” da súa primeira semana no goberno

Ao cumprirse unha semana ao fronte da Primeira Tenencia de Alcaldía do  Concello do Porriño, Manuel Carrera valora moi positivamente “o esforzo destes días por comezar a poñer en marcha todo o traballo acumulado polo anterior goberno”.

Responsable de Infraestruturas (Vías e Obras), Sevizos Xerais e Protección Civil, Carrera comeza a súa xornada laboral ás 07.00 horas no centro de Torneiros, reuníndose co persoal municipal “para supervisar o labor da xornada anterior, á vez que se organiza o traballo do día mesmo”, explica. Organización e planificación son as claves para esta nova etapa no Concello do Porriño, “cuestións ausentes no goberno nacionalista”, subliña Carrera.

Segundo apunta o concelleiro, a través dun comunicado enviado dende a Primeira Tenencia de Alcaldía, a día de hoxe xa se levaron a cabo unha serie de actuacións urxentes en materia de infraestruturas. Deste xeito, reparáronse as lousas soltas na rúa peonil Ramón González, así como as das beirarrúas de Pío XII. Tamén se fixo o “bacheado” dalgunhas estradas do centro do municipio e o desatasco e limpeza dunha tubaxe de augas pluviais e fecais na rúa Estación que desbordaba, chegando a entrar estes residuos na casa dun veciño.

Ao longo desta semana repasaranse os seis pasos de peóns elevados da Avenida de Galicia e repararase a rotonda da praza central, “que leva dous anos no mesmo estado de deterioro ante a pasividade do goberno anterior”, remarca Carrera.

Outra das actuacións urxentes a levar a cabo pola Primeira Tenencia de Alcaldía é a reconstrución dos balaústres de pedra nos laterais do Centro Cultural, “que presentan un aspecto denigrante e nos que, ata agora, non se puxo interés algún polo seu arranxo”. Despois de recuperar todas aquelas pedras en bo estado procederase á súa reparación.

PUBLICIDADE

Un Comentario a “Manuel Carrera fai un “balance positivo” da súa primeira semana no goberno”

  • La Mari dixo:

    Sí señor, obras son amores. Non reparedes as lousas de Ramón Glez, directamente “automovilizade” a rúa, ou non hai collóns?