Nelson Santos é proclamado Alcalde do Porriño

:: O alcalde saínte, Raúl Francés, remata a súa intervención dirixíndose aos veciños do municipio cun “Axiña voltamos” ::
Diego Giráldez /FOTO: Hernández
Dende as primeiras horas da mañán xa se podía ver xente na porta principal de entrada ao salón de plenos do Concello para asegurarse un sitio no interior e poder ver, de primeira man, a sesión de debate da moción de censura que levou ao líder de Ciudadanos por Porriño (CxP) Nelson Santos a coller o bastón de mando do municipio. Ao mesmo tempo, varios técnicos instalaban catro pantallas de plasma na Praza para que os veciños que estaban no exterior poideran seguir o desenvolvemento da sesión.

A medida que se achegaba a hora, decenas de persoas ateigaban a Praza e a expectación medraba. Ás 11:45h. entraron pola porta lateral do salón os concelleiros da oposición. Logo de abrir a porta para o público, os concelleiros nacionalistas entraron na sala entre os aplausos dos seus seguidores e acompañados dos líderes nacionalistas Carlos Aymerich, Carme Adán e Olaia Fernández Davila.
O pleno foi presidido polo independiente Marcelino Coto -concelleiro de maior idade- que ocupou o seu posto na mesa ao carón da nacionalista Miriam Martínez e o Secretario do Concello. Unha vez que os concelleiros ocuparon os seus lugares, deu comezo a sesión. Coto anunciou a orde de intervencións que, segundo sinalou, foi acordada días atrás na xunta de portavoces: Nelson Santos, abriría o pleno, seguido de Raúl Francés, para logo dar paso ás intervencións dos diferentes portavoces segundo a súa representación.
O portavoz do BNG, Pedro Pereira, pediu a palabra antes de proceder ao debate, para lembrar que o seu grupo denunciara días atrás que a redacción da moción de censura non entraba dentro da legalidade algo que, logo de que o secretario procedera á lectura da mesma, reafirmou Francés preguntándolle ao Secretario se “constaba a sinatura dos nove concelleiros promotores da moción” na folla presentada no rexistro municipal a través dunha notaria.
As intervencións de Santos e Francés
O recén elixido alcalde Nelson Santos abriu o debate entre os berros de “vendido” dunha parte do público asistente á sesión. Fixo fincapé na “parálise que está a sufrir a O Porriño” e falou de que a moción de censura faise para conseguir un “goberno forte e estable” no municipio. “O único que fixo vostede foi poñer bonito o centro… Pero que pasa co paso a nivel, co traslado de Frigolouro, coas canteiras…? Os veciños merécense moito máis”, dixo Santos. “Vostede, señor Francés, foi un alcalde prepotente, non dialogante que se enfrontou aos traballadores do Concello, algo que lle recriminou o sindicato nacionalista CIG. Ademais, todo o mundo sabe que o BNG está fracturado”, asegurou entre as risas dos simpatizantes nacionalistas alí presentes. Santos falou tamén da débeda municipal e dos índices de paro no municipio.
Nun tono contundente, o nacionalista Raúl Francés tomou a palabra. “Pensei que o señor Nelson Santos ía facer un discurso serio de investidura falando de proxectos pero xa vexo que non”, comezou Francés. Logo de defender a “unidade” do grupo municipal nacionalista, Francés contestoulle a Santos. “Vostede, fala de paro? Pregúntelle ao seu xefe Louzán sobre o asunto, que xa sabemos que é o seu xefe”. O alcalde saínte sinalaba que os que asinan esta moción están a poñer ao Porriño nunha “situación complicada”. “O Concello soubo devolverlle o poder á cidadanía. O Porriño deixou de ser un cortello de 19.000 habitantes e iso xa non ten volta atrás”, sinalou. “Vostedes están escenificando un matrimonio de conveniencia e Louzán págalles a dote”, rematou Francés.
As intervencións dos portavoces
Logo dos discursos de Santos e Francés, interviñeron os portavoces dos cinco partidos por orde de representación. O primeiro foi o portavoz nacionalista, Pedro Pereira, que comezou dicindo que non atopaba no discurso de Nelson Santos “o interés xeral do pobo do Porriño”. Logo de contestarlle a Nelson Santos que “as parroquias non foron abandoadas” e que o Concello volvería “a aquela política de emprego do PP de ensinar a tarxeta do alcalde nas empresas”, rematou dicindo que o BNG, durante estes seis anos e medio, fixo unha xestión “tranquila e responsable”. “Os logros do BNG quedan na rúa. Marchamos coa cabeza alta”, rematou.
Inmediatamente despois, foi o turno do portavoz do PP, Manuel Carrera que, do mesmo xeito que anteriormente fixera Santos, comezou falando da “parálise”, “precaria minoría”, “goberno incapaz” para xustificar a presentación da moción de censura. “Os grandes perxudicados deste goberno son os cidadáns do Porriño. Precisamos un goberno estable e dinámico”, rematou.
José Manuel Jacobo, portavoz de CxP, fixo unha intervención crítica contra o goberno nacionalista. “Andan a dicir vostedes que é tarde para esta moción de censura, que non é válida… Pregúntolle entón por que presentaron hai poucos días unha moción en Porto do Son xunto co PSOE. Tampouco é válida?. Continuou dicindo que esta moción “está respaldada polo 60% do electorado”. “ A vostede, señor Francés, recordarano por ser o alcalde que enfrontou á Policía Municipal, aos comerciantes, aos traballadores do Concello, crear un caos de tráfico na vila e, por suposto, por unir ao centrodereita no Porriño”, asegurou Jacobo.
Nun tono tamén contundente interviu o portavoz do PsdeG-PSOE porriñés Iván Vaqueiro. No discurso de Vaqueiro, moi crítico coa moción e cos líderes conservadores do municipio, tamén quixo lembrarlle aos nacionalistas que “a ilusion dos progresistas e o cambio iniciado no 2003, non e patrimonio de vostedes, senón tamén dos socialistas e de todos os que contribuíron a pechar a época dun goberno que perdera os papeis facía moito”. Referíndose aos conservadores preguntou que “que pensarán os que en 2007 votaron a Nelson Santos baixo a promesa de que “os votos de Ciudadanos so irán para Ciudadanos” cando el mesmo anuncia que sera o candidato do PP? Qué traición electoral é esta?”. “Esta moción só escenifica o seu medo a perder O Porriño no ano 2011”, recalcou Vaqueiro.
O portavoz de Independientes de Porriño, Gonzalo Ordóñez, lembrou durante a súa intervención que “os veciños apostaron por unha opción de centrodereita, foi un mandato inquebrantable da sociedade porriñesa es estamos a cumprilo. A lexitimidade está da nosa man”. “Non nos arrepentimos de cando o puxemos na alcaldía señor Francés, e tampouco nos arrepentimos de facer o que agora estamos a facer”, rematou Ordóñez logo de anunciar a súa marcha da corporación municipal.
Antes da votación, o nacionalista Raúl Francés solicitoulle ao presidente do pleno unha última intervención que lle serviu para amosar o seu agradecmento aos traballadores do concello, á veciñanza que nos apoiou e tamén a que nos criticou e aos medios de comunicación. Ao final desta breve intervención contou que esta mesma maña fói levar cinco rosas vermellas ás tumbas dos cinco represaliados de Budiño.
Acto seguido procedeuse á votación que proclamaría alcalde do Porriño a Nelson Santos Argibay que recibiu o bastón de mando das mans do presidente da mesa, Marcelino Coto.
Crispación
Durante toda a sesión plenaria podíase notar a tensión normal neste tipo de acontecementos. Os abucheos, as interrupcións nos discursos ou os insultos no interior, conviviron cos berros e aplausos das decenas de persoas que escoitaban o pleno a través dos plasmas emprazados na Praza do Concello. Algún aviso de expulsión por parte do presidente da sesión a algúns dos alí presentes e os comentarios ácedos durante as intervencións dos líderes políticos protagonizaron tamén o debate.
Á saída, o líder nacionalista, Raúl Francés, subiuse a un banco da praza para dirixirse aos alí presentes que entonaban “Raúl Francés, vales máis que eses tres”.
Tamén houbo certa tensión na porta lateral do concello cando os críticos coa moción de censura foron a esperar a saída do actual alcalde. Alí estaban os seguidores do Santos con carteis que dicían “Nelson alcalde”. Os críticos tiñan preparados paquetes de arroz para lanzarlle aos tres líderes conservadores “polo seu casamento”, dicían. Isto non foi posible. Os líderes conservadores abandoaron o consistorio pasadas as tres da tarde.

Nelson Santos sae da casa do Concello sobre as tres da tarde
