O Concello de Mos pon en marcha unha obra de abastecemento dende Sanguiñeda ata Campo de Eiró
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, anunciou hoxe que o Concello vai a poñer en marcha a acometida da instalación da rede de abastecemento dende Sanguiñeda ata Campo de Eiró para garantir a traída de auga neste último lugar. Xa está confirmado, segundo explicou a rexedora local, que Augas de Galicia financiará os traballos que se van realizar e que eran moi necesarios.
E é que, segundo informou a alcaldesa esta mañá, “a necesidade de garantir a presión e o subministro de auga nas vivendas de Campo de Eiró era imperiosa xa que a presión era moi deficiente, polo que o servizo de abastecemento non se prestaba ó 100%”.
O orzamento desta obra de abastecemento ascende a 136.814,17 euros e, unha vez que se atope totalmente acometida, dará servizo a 2.000 veciños, aínda que está proxectada para poder chegar a abastecer ata a 3.000 habitantes.
