As mulleres de Mos rescatan a súa historia a través dun obradoiro fotográfico
O pasado mércores, día 3 de marzo, deu comezo na Asociación de Veciños Chan do Bosque o obradoiro enmarcado dentro da programación do Día Internacional da Muller que organiza a concellería de Benestar Social dirixida pola edil Ana Rodríguez Cabaleiro, ‘Mulleres de Mos protagonistas da súa historia’. O obradoiro, que se realiza en horario de 17.00 a 19.00 horas, continúa esta tarde.
O mércores reuníronse en Chan do Bosque unhas 15 mulleres que, animadas pola presidenta da asociación, Mercedes Cabaleiro, aportaron nalgúns casos ata máis de 30 fotografías nas que as protagonistas son mulleres mosenses. Agora estase a levar a cabo unha selección de todas estas fotos para montar a exposición que se poderá contemplar o vindeiro venres, día 12 de marzo, no centro Multiusos das Pozas.
Segundo explicou a concelleira responsable desta iniciativa, “o que se pretende co obradoiro é recuperar a historia persoal das mulleres de Mos, tanto das que están a participar na actividade coma das que aparecen retratadas nas fotografías presentadas, para que quede constancia do importante labor que desenrolaron e están a desenrolar, e que moitas veces pasou desapercibido”.
Durante o obradoiro, a través das fotos presentadas sobre mulleres de Mos, realízase unha análise da realidade do xénero feminino no municipio ó longo dos anos. Este obradoiro “é unha homenaxe a tódalas mulleres anónimas que co seu esforzo e tesón lograron saír adiante”, segundo explica a edil Ana Rodríguez.
Acto principal
O día 12 celebrarase o acto principal da conmemoración do Día Internacional da Muller. Ás 20.00 horas da tarde no Multiusos realizarase a presentación do resultado do traballo realizado no obradoiro ‘Mulleres de Mos protagonistas da súa historia’ e poderase contemplar unha exposición das fotografías. Asimesmo, haberá tamén unha mostra de diferentes indumentarias da muller durante o último século, e a interpretación do monólogo ‘Extresss’ a cargo de Clara Gayo.
